“Este é o meu testamento e a miña última mensaxe”.
O xornalista Anas al Sharif, de 28 anos, un dos reporteiros máis coñecidos da canle de televisión Al Jazeera en Gaza, tiña o presentimento de que cada unha das informacións que enviaba desde a Franxa podía ser a última.
Este domingo pola noite faleceu xunto a outros cinco xornalistas nun ataque deliberado do exército israelí contra a tenda de campaña na que vivían e traballaban ás portas do hospital Al Shifa na cidade de Gaza.
Al Sharif deixara un texto preparado, unha sorte de testamento para que fose publicado no caso da súa morte, sinalaron os seus achegados nunha mensaxe na súa conta de X.

“Se lles chegan estas palabras, saiban que Israel logrou matarme e silenciar a miña voz. En primeiro lugar, que a paz estea convosco e a misericordia e as bendicións de Deus”, comeza a misiva que se lle atribúe, que está datada o 6 de abril de 2025..





